As Deputacións Provinciais nacen inspiradas polo espírito liberal da Constitución de Cádiz de 1812, que establecía o goberno e administración das provincias a través das deputacións, non só como instrumento de promoción das vilas que abranguen a súa circunscrición “… En cada provincia haberá unha deputación chamada provincial, para promover a súa prosperidade, presidida polo xefe superior” (art. 325), senón como coordinadoras do labor dos concellos (art. 323). Ademais conferíalles unha serie de competencias para o fomento e desenvolvemento económico da provincia (art. 335).

Desde os seus inicios erixíronse nun instrumento fundamental na consolidación do réxime constitucional.

Aínda que creadas no ano 1812, non comezarán ao mesmo tempo en todas as provincias, tendo ao principio un desenvolvemento moi irregular. Suprimidas no ano 1814, non continuaran coa súa actividade ata 1820, durante o breve período que supón o Trienio Liberal (1820-1823) no que se recuperan os principios constitucionais.

Tras a morte de Fernando VII, o 29 de setembro de 1833, lévase a cabo unha nova división territorial de España (49 provincias) que, con pequenas modificacións posteriores será a que, en termos xerais manterase ata os nosos días.

Finalmente as Deputacións serán reorganizadas dun xeito definitivo polo Real Decreto do 25 de setembro de 1935.

No caso de Galicia, a Deputación única instálase na Coruña no verán do ano 1820 e perdurará ata abril de 1822. Esta Deputación desaparece tras a aprobación polas Cortes da organización territorial levada a cabo no ano 1822. Galicia queda estruturada entón en catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

A Deputación da Coruña  constitúese na sesión do 1 de xuño de 1822, sendo o seu presidente don Antonio Loriga e figurando entre as súas atribucións o mirar polos concellos cando o seu territorio pertenza ás distintas provincias, así como á rectificación dos límites da provincia da Coruña.

Coa nova división provincial de 1833 mantéñense en Galicia as catro provincias, constitúense novamente as Deputacións en 1835 e concretamente a da Coruña na sesión celebrada o 21 de novembro. A partir deste momento e, salvo puntuais períodos conflitivos, exercen as súas funcións sen interrupción ata a actualidade, naturalmente de acordo co sentido que impoñen as sucesivas modificacións lexislativas no ámbito do réxime local.