IV Congreso Memoria diversa
A IV edición do congreso MEMORIA DIVERSA, promovido pola área de Igualdade da Deputación da Coruña, centra a reflexión sobre os novos e vellos discursos de odio contra o colectivo LGBT.
Esta nova edición, terá lugar o sábado 31 de maio no Espazo de Intervención Cultural "A Normal" na Coruña. Terán acceso de balde ata completar cabida.
O congreso será transmitido en streaming pola canle de Youtube da Deputación da Coruña.
Crear espazos de encontro e reflexión arredor da memoria do colectivo LGBTIQA+ en Galiza é o obxectivo central do Memoria Diversa, que este ano centra a súa programación nos novos e vellos discursos de odio contra o colectivo.
As ponencias da mañá comenzarán coa presenza de Margarita Ledo Andión, xornalista e cineasta, e o Xestor cultural Quique Costas, activista nos primeiros colectivos LGBT galegos, que dialogarán sobre os inicios dos movementos LGBT galegos e a súa repercusión nos medios de comunicación. O filólogo e escritor Carlos Callón achegará os seus traballos de investigación sobre as vidas LGBT galegas na Idade Media e a investigadora Ánxela Lema reflexionará sobre a presenza de voces queer invisibilizadas na literatura galga. A xornada matinal pecharase coa intervención sobre a documentación contra a desmemoria por parte do activista coruñés José Carlos Alonso, activista e membro do desaparecido colectivo Milhomes e coa lectura como espazo para reivindicar e visibilizar a memoria a través do club de lectura QUEERuña das bibliotecas municipais da Coruña, con Remedios Vázquez.
A xornada da tarde comezará cunha achega á historia da loita do colectivo LGBT portugués por parte da investigadora lusa Joana Matias, xa que Memoria Diversa tamén buscar establecer lazos de conexión cos movementos memorialísticos queer do país veciño. Continuando a liña iniciada o ano pasado, contemplamos un espazo sobre a situación do colectivo LGBTIAQ+ no mundo, a través das persoas refuxiadas, neste caso contamos co activista colombiano Sebastián Jaramillo, actor e creador audiovisual, colaborador de Alas Coruña, en diálogo coa sindicalista e activista trans galega Laura Bugallo. Nesta edición quixemos tamén coñecer a historia do movemento LGBT catalán, convidando a unha escritora e activista senlleira, Isabel Franc, que vén de publicar a novela gráfica Detrás de las persianas, breve historia das lesbianas en Barcelona, desde a II República, pasando polo franquismo, os códigos comunicativos da clandestinidade, o comezo da liberdade coa Transición, ata chegar ao matrimonio igualitario de 2005. A intervención de Isabel Franc (que durante moitos anos escribiu co pseudónimo de Lola Van Guardia obras clásicas dentro da literatura lésbica coma "Entre todas las mujeres" ou "Plumas de doble filo") será en diálogo coa activista lésbica Nanina Santos, figura fundamental do feminismo e o movemento lésbico galego desde os anos 70.
O encontro finalizará coa proxección da curtrametraxe DELICUENTE, obra da poeta e creadora audiovisual Nuria Vil, e co debate e recital poético musical coa poeta Andrea Nunes e o músico e activista trans Éric Dopazo.
As mesas estarán presentadas e moderadas por persoas dos actuais colectivos LGBTIQA+ galegos, Alas Coruña, Les Coruña. Rede Galega de Estudos Queer, Avante LGBT e Arelas mocidade.
As xornadas emitiránse en streaming, e o material gravado poderá estar logo accesible no futuro para persoas investigadoras, xente dos colectivos e persoas, en xeral, interesadas na memoria histórica e na educación en igualdade e con respecto á diversidade.
Vídeos