Plan dos Servizos Sociais

A Diagnose da situación dos servizos sociais da provincia da Coruña é o primeiro dos traballos enmarcados no Plan de Acción. Na Diagnose achégase unha interpretación do contexto demográfico e socioeconómico do territorio como elemento fundamental para a construción conxunta dun novo modelo de política pública que dea resposta á evolución das necesidades sociais. Así, cóntase non só con datos fiables e actualizados sobre a realidade na que se vén traballando dende os departamentos de servizos sociais, senón dunha interpretación dos mesmos que permita deseñar medidas efectivas no camiño cara a construción de sociedades máis xustas e con maior benestar. A Diagnose está formada por 18 Diagnoses Comarcais e 1 Diagnose Provincial.
Dentro do Plan de Acción tamén se define un Marco Estratéxico de actuación, deseñado en base ós resultados dos espazos de reflexión xerados no proceso. No Marco Estratéxico determínase un marco conceptual para a interpretación da situación de partida da nosa sociedade e do modelo de política de benestar local que se está a implementar dende os Concellos e dende a Deputación da Coruña para, a partir da súa análise, establecer un novo modelo de política de benestar máis axeitado ó contexto social actual.
Por último, atópase a propia redacción do Plan de Acción, entendida como a ferramenta que contén os obxectivos estratéxicos a acadar pola política, as liñas estratéxicas de actuación da política de benestar e as medidas concretas que lle proporcionarán o contido operativo necesario para a súa consecución.